A Policía Local celebra o seu día máis vencellado ao modelo de cidade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O proxecto de cidade pensado nas persoas, isto é, o modelo urbano de Pontevedra que nos dous últimos anos recibiu varios recoñecementos, non sería posible sen a colaboración da Policía Local de Pontevedra. Este foi o eixe central sobre o que xirou este luns a celebración do Día da Policía no Pazo da Cultura, un acto no que o responsable do Corpo, Daniel Macenlle, engadiu que ese proxecto "non sería posible sen o aliñado de todos os servizos municipais".
A concelleira delegada da Policía Local, Carme da Silva, abundou sobre este aspecto ao sinalar que "non é posible concibir o Concello e a cidade" sen a Policía Local e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que pechou a quenda de discursos, destacou que o Corpo municipal "levanta cada vez máis simpatías entre a cidadanía".
Lores ve os axentes municipais como protagonistas do "cada vez máis evidente clima de harmonnía social" e do descenso da criminalidade e o aumento da seguridade vial, pero, de forma especial, quixo facelos partícipes dos últimos recoñecementos públicos que recibiu Pontevedra, dando especial relevancia ao recibido do Centro polo deseño activo de Nova York. "O premio de Nova York tamén é voso, é o voso premio", agradeceulles.
Non só os discursos xiraron arredor do modelo urbano, senón tamén as medallas e agradecementos concedidos. Especial mención recibiron a dirección e a ANPA do colexio Marcos da Portela de Monte Porreiro, así como a asociación veciñal do barrio pola súa aportación ao programa Camiños Escolares.
A educación vial tamén tivo marcado protagonismo. Entre os oito policías que este ano recibiron a Medalla do Corpo polo seu bo facer figuran Berta Novas, que colabora co programa de educación vial, e o oficial José Manuel Portela, que estivo nos inicios dese proxecto e agora está máis implicado no servizo de mediación. Ademais, deuse unha mención á responsable de Enfermaría do centro de saúde da Parda, Carmen Abeledo, polo seu programa de educación vial destinado a mulleres embarazadas.
O oficial José Ramón Sánchez pola súa tarefa na unidade loxística; o oficial Manuel González polo seu traballo en atestados e tráfico; o policía Xoaquín Álvarez polo seu bo facer na xestión dos accidentes de tráfico; a achega ao servizo de mediación do axente Emilio Barros; ou os policías Jorge Barcala e Telesforo Lorenzo pola súa axuda a unha persoa que quixo tirarse ao río completan a lista de medallas outorgadas neste día.
A colaboración con outros corpos e forzas de seguridade tamén foi obxecto de recoñecemento e agradecemento este luns, no que recibiron unha mención especial a Policía Local de Poio e a Policía Autonómica. O resto de protagonistas do acto, ademais dos propios policías municipais pontevedreses, foron o avogado Xabier Munáiz, a funcionario Berta Norma e a traballadora Teresa Tresandi, responsable de instalar os valos e elementos informativos porta a porta de toda comunicación que necesita realizar a Policía.