2.000 pasquíns para reclamar os cartos da cooperativa de Valdecorvos
Por Redacción
Ao redor de 2.000 pasquíns e media ducia de pancartas sementan dende mediados de semana as rúas de Pontevedra repetindo a mesma mensaxe de protesta: 'Xestur = PP = Deputación = IGVS = Facenda. Devolve os cartos dos cooperativistas de Valdecorvos'. A súa autoría estaba clara dende o primeiro momento, pero este venres os seus responsables reivindícano publicamente e anuncian que non será a súa única acción de protesta. Trátase dos 14 cooperativista que no ano 2010 se xuntaron para promover vivendas unifamiliares na zona de Valdecorvos e que cinco anos despois perderon o seu diñeiro e non teñen as súas casas.
Unha vez constatado que o proxecto de vivendas non se levaría adiante, os afectados iniciaron unha serie de reivindicacións pola vía administrativa para recuperar os seus aforros, pois teñen atrapados unha media de 52.000 euros por cabeza nunha obra que nunca chegará a executarse. Ante a imposibilidade de chegar a un acordo co ente público Xestur, levaron o asunto á vía xudicial e agora, co proceso sen avances no xulgado, levan a protesta á rúa.
"Seguiremos en la vía judicial y en la vía pública", sinala un dos afectados, que prefire non faciltar a súa identidade. Avisa de que "realizaremos más acciones estos días", pero non as concretan porque, segundo explica, se farán "en función de si tenemos respuesta por su parte o no". Queren que Xestur lle dunha solución, pero denuncian que o ente público non é o único responsable, pois estaba avalado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, a Deputación Provincial e Facenda e prevén máis mobilizacións debido a que "tanto del lado de la empresa pública como de los políticos no nos estan escuchando en un problema grave".
Os afectados queren recuperar os seus aforros, pero están dispostos a negociar a forma en que se fará. "No queremos una devolución inmediata, queremos una solución", indican, pois lle dan a posibilidade de que se fagan cargo eles das vivendas e dun terreo que á fin e ao cabo foi adquirido con fondos públicos.
A pesar de que a protesta coincidiu en plena campaña electoral e as pancartas se refiren de forma directa ao Partido Popular, os afectados indican que saíron agora porque antes intentaron buscar unha solución ao problema por outras vías, pero agora xa rematóuselles a paciencia e "en esta situación no podemos seguir más".
Nos últimos días tamén tiveron novidades no seu proceso xudicial. Tiñan prevista unha vista oral para o 8 de maio, pero aprazouse pola necesidade de separar a demanda reclamando unha parte pola vía xudicial e outra pola administrativa.