Os apicultores pontevedreses alertan do "preocupante" roubo de colmeas
Por Oskar Viéitez
Nestes últimos anos o sector apícola viu como o prezo do mel das súas colmeas ía en aumento, así como, a demanda de mel quedando a produción galega escasa para atender aos mercados. É por iso que dende comezo de ano, son moitas as colmeas galegas que están a ser saqueadas, sendo a provincia de Pontevedra a máis afectada.
Nalgún caso, rouban de cinco en cinco colmeas, que son as que caben nun coche, pero ao mesmo apicultor e noutros casos, como o da semana pasada ata dous mil euros lle supuxo ao apicultor un dos roubos na súa alvariza.
A Agrupación Apícola de Galicia en colaboración co Grupo Rocha da Garda Civil (grupos especializados en roubos no campo) móstranse preocupados co aumento de roubos en colmeas que se está a sufrir no campo galego, e piden axuda e colaboración á cidadanía, por se ven algo sospeitoso para que informen ás autoridades e así dar cos ladróns.
Actualmente, estanse a colocar cámaras nas alvarizas, dispositivos que sacan fotos cos movementos enviando simultaneamente unha mensaxe ao apicultor alertando do roubo, nalgúns casos tamén estanse a colocar gps dentro das propias colmeas, polo que esperan que de resultados, aínda así solicitan máis axuda para coller os culpables.
TRADICIÓN E SUPERVIVENCIA
En Galicia, a apicultura está en auxe e son moitos os emprendedores que están a apostar por esta arte á hora de iniciar o seu negocio. A apicultura galega pasou de 100.000 a 120.000 colmeas en poucos anos e unha produción anual que xa supera os 700.000 quilos.
Ademais é un bo momento posto que tanto o prezo como a demanda está en aumento. A estas alturas do ano moitos produtores xa quedaron sen produto para vender, e iso a pesar de que a produción supera todas as previsións.
O presidente da Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, José María Seijo, indicou que, ademais da súa calidade, a causa deste auxe é que, por vez primeira, o mel se exporta coa contraetiqueta de "Mel de Galicia".
Esta tradición é algo moi habitual en moitos fogares galegos, é unha arte que pasou de pais a fillos onde o mel era un dos ingredientes fundamentais da dieta diaria. A esta importancia histórica temos que engadir o importante labor de polinización que fan as abellas das colmeas galegas para obter mellores colleitas e de moita mellor calidade.
Relacionadas:
-
Os ecoloxistas alertan da fumigación masiva dos eucaliptos cun tóxico para as abellas
Por Oskar Viéitez |
-
Retiran unha colmea da rúa Antón Fraguas ante a alerta veciñal
Por Mónica Patxot |
-
A Garda Civil detivo un veciño de Poio polo roubo de colmeas
Por Redacción |
-
Unha nube de abellas desaloxa as terrazas da Verdura
Por Oskar Viéitez |