Oito acusados aceptan prisión por un intento de estafa masiva de oito millóns de euros
Por Natalia Puga
Oito persoas confesaron que estiveron implicadas nun intento de estafa masivo no que chegaron a intentar quedar con oito millóns de euros, pero que finalmente se frustrou. Por estes feitos, aceptaron cumprir catro meses de prisión cada un e afrontar o pagamento dunha multa de 540 euros, tres meses a razón de 6 euros diarios.
Os oito acusados sentáronse este martes no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra e recoñeceron os feitos dos que o acusaba a Fiscalía. Previamente, alcanzaran un acordo de conformidade co representante do ministerio público polo que a súa pena se vía reducida do ano de prisión que lles pedía inicialmente a catro meses.
A Sección Segunda da Audiencia ditará unha sentenza condenatoria nos termos acordados entre as partes e os avogados de seis dos oito acusados pediron poder substituír a pena de prisión polo pagamento dunha multa de dous días por cada día de condena.
O fiscal non se opón á substitución da pena, pero os avogados de dous dos procesados -Miguel Anxo S.C. e Manuel S.G.- si, pois ambos os dous cumpriron xa seis e cinco meses de prisión provisional, de modo que, se é o caso, interesan a liquidación da condena.
Entre os acusados e agora condenados están o xestor de negocios dunha entidade bancaria con sucursal en Lalín e varios propietarios de diversas empresas dese municipio. O obxectivo da trama era poder librar recibos ficticios vía Internet dende as contas da empresas implicadas contra contas de terceiras empresas dun elevado nivel de facturación.
Segundo consta na acusación do fiscal, a trama librou recibos ficticios vía Internet dende as contas das entidades dos acusados por un importe próximo aos oito millóns de euros a empresas de distintos sectores, principalmente petrolíferas.