Descontos de ata un 50% e actividades na Noite Branca de Galerías Oliva
Talleres, actuacións, degustacións e catas forman parte dunha programación que comezará a partir das 18:30 horas e que se estenderán ata pasada a media noite nesta terceira edición de Noites Brancas. A iniciativa, creada pola Asociación de Comerciantes Galerías Oliva, ten como obxectivo fundamental incentivar a compra nos pequenos comercios, polo que ademais de gozar das actividades tamén se pode ter unha xornada diferente de compras buscando o toucado perfecto ou os traxes de comuñóns que tanto se demandan nestas datas.
Os comercios, que modifican o seu horario para a ocasión, ofrecerán descontos de ata un 50% nalgunhas tendas. No interior da galería celebraranse os talleres e as degustacións, que nalgúns casos terán aforamento limitado, polo que hai que inscribirse 15 minutos antes de cada unha para poder participar de forma gratuíta.
Tanto nenos coma adultos teñen actividades preparadas como os talleres de pan, calceta infantil, degustación de crema de augardente e gin tonic ademais de cata de viños, entre outras moitas.
A xornada arrancou co vermú tradicional galego acompañado por empanadas, pinchos e algunhas degustacións máis que a panadaría Xeve preparou para a ocasión e serviu nunha barra que a empresa Elefantes de cacharrería preparou para a ocasión, ademais de ambientar o resto da decoración do evento. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado doutras autoridades públicas de Pontevedra percorreu a galería para comprobar a decoración, os comercios e as zonas onde se desenvolverán as actividades.
David Neira, presidente da Asociación de Comerciantes da Oliva, comentou a importancia da celebración deste día, xa que dá a coñecer as galerías e os comercios que hai no seu interior, que son máis de 50. A galería, segundo Fernández Lores, en realidade é un centro comercial grande. Alí pódese encontrar dende unha libreta ata artigos gourmet, pasando por zapatos, complementos, roupas de nenos ou simplemente tomar un café calquera día e tamén na noite deste xoves.