Pontevedra, exemplo de éxito dun proxecto de mobilidade urbana nun foro en Málaga
Por Redacción
O modelo urbano de Pontevedra e o seu proxecto relacionado coa mobilidade chegarán este mércores a un novo encontro especializado. A cidade presentarase como un "caso de éxito" no I Foro de Mobilidade Alternativa e Seguridade Vial de Málaga.
A presentación correrá a cargo do concelleiro de Mobilidade Alternativa, Miguel Filgueira, que participará nunha mesa redonda co titulo 'Mobilidade urbana, casos de éxito' ás 17.15 horas deste xoves no auditorio do Museo Picasso Málaga. Moderada polo xefe provincial da DGT en Málaga, a mesa tamén contará coa presenza do director de Proxectos de Sectores Estratéxicos e Promoción Económica do Concello de Barcelona, Ramón Pruneda, e do director de Planificación da EMT, Andrés Piédrola Santiago.
Filgueira quixo aclarar, para evitar malentendidos, que "os gastos son pagados pola organización" do evento, tanto os de transporte coma os de aloxamento e manutención, de modo que o Concello de Pontevedra non terá que gastar nada pola participación do concelleiro falando do modelo urbano.
No foro participarán institucións e empresas como o Colexio de Xestores Administrativos de Málaga, a Dirección Xeral de Tráfico (DGT), o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, a Asociación Empresarial para o Desenvolvemento e Impulso do Vehículo Eléctrico (AEDIVE), a Axencia Municipal da Enerxía de Málaga, os concellos de Málaga, Barcelona, Valladolid e Pontevedra, Renault España ou PSA Peugeot Citroën, entre outras. En total, espérase a participación de máis de 200 asistentes.
O principal obxectivo deste encontro é garantir que os sistemas de transporte respondan ás necesidades económicas, sociais e ambientais, reducindo ao mínimo as súas repercusións negativas. Para iso, reúne en Málaga destacados profesionais e institucións que están a ser pioneiras neste sector, de maneira que expoñerán as súas experiencias e fomentarán o debate entre os asistentes.