Antón Louro anima ás comunidades a pedir subvencións para a ITV de edificios
Por Redacción
A nova ordenanza municipal de avaliación dos edificios obriga a pasar esta revisión a todos os inmobles construídos en Pontevedra con anterioridade ao ano 1943. A normativa aprobada polo Concello é consecuencia directa da lexislación estatal en materia de conservación e prevención de accidentes.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, lembra que todos os edificios con máis de 50 anos teñen que obter este informe, pero o Concello aprobou un calendario, que conclúe en decembro de 2018, para ir revisándoos progresivamente en función da súa antigüidade. Neste primeiro ano tócalle aos máis vellos.
O responsable municipal informa de que a Oficina Municipal de Rehabilitación (rúa de Don Filiberto, Teatro Principal, terceiro andar) aclara todas as dúbidas ao respecto da aplicación da ordenanza.
Ademais, informa sobre a convocatoria de axudas que no marco do Plan Estatal de Vivenda vén de aprobar a Xunta de Galicia. As subvencións para esta anualidade establecen un tope máximo de 500 euros (20 euros por vivenda ou por cada 100 metros cadrados de superficie do local). O importe total da achega non pode superar o 50% do custo do informe de avaliación do edificio. As solicitudes deben presentarse diante do Instituto Galego da Vivenda e Solo unha vez obtido o informe.
O orzamento total destinado para estas subvencións é dun millón de euros, que achega o Ministerio de Fomento no marco do Plan Estatal de Vivenda.
Antón Louro anima ás comunidades de veciños e aos propietarios individuais a solicitar as subvencións, convocadas a través do Diario Oficial de Galicia deste luns, e minimizar así o impacto económico da elaboración deste informe.
A ordenanza municipal de avaliación dos edificios, que regula as condicións de seguridade, accesibilidade e eficiencia enerxética, está aprobada definitivamente polo Concello e só pendente da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia para a súa entrada en vigor.
Relacionadas:
-
Só 131 dos 292 edificios que deben pasar a ITV este ano acreditaron a súa seguridade
Por Redacción |
-
Un edificio da rúa de Forcarei, o primeiro en entregar o informe de avaliación dos edificios
Por Redacción |
-
Máis de 400 edificios anteriores a 1943 deberán pasar a ITV este ano
Por Redacción |
-
Agardan que a 'ITV de edificios' entre en vigor o próximo mes de febreiro
Por Redacción |