Os concellos de Marín e Vilaboa colaborarán coa Xunta na recollida de cabalos soltos ou con trancas
Por Diego Espiño
A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asinou este luns en Pontevedra un convenio de colaboración cos alcaldes de Marín e Vilaboa, María Ramallo e José Luis Poceiro, para a recollida de cabalos soltos ou con trancas nos montes de ambos os dous concellos.
No convenio ambos os dous concellos comprométense á "detección e apresamento" dos cabalos en liberdade que se encontren "en situación de provocar un dano efectivo" e o seu traslado ás instalacións situadas no alto do monte Xaxán (Cruz da Maceira). Tamén, a obter o permiso necesario da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián (Marín) para o confinamento dos animais.
Ademais, asumen o compromiso de comunicación á Xunta de Galicia para proceder á lectura do microchip ou, no seu caso, e cando proceda, á identificación destes. No caso de que non estivesen identificados, asumirán a poxa pública dos animais mediante un bando colocado no taboleiro de anuncios dos concellos.
Os municipios tamén se comprometen a levar a cabo a vixilancia necesaria para que non poidan ser subtraídos os animais do sitio de confinamento e asumir solidariamente partes iguais os custos de manutención dos cabalos e os posibles danos que puidesen producirse como consecuencia do confinamento dos animais dentro das instalacións.
Pola súa banda, a Consellería de Medio Rural e do Mar comprométese á identificación dos cabalos confinados nas instalacións anteriormente descritas e á asunción dos custos que supoñen o traslado dos animais a un centro de acollida, sempre que sexa posible, ou o sacrificio en matadoiro autorizado, no caso de quedar deserta a poxa, trasladando os animais nas condicións legais establecidas pola normativa vixente.
Relacionadas:
-
Detectan máis cabalos con cepos en Cotobade e Vilaboa
Por Redacción |
-
Propoñen que Protección Civil colabore na loita contra a práctica das "pexas"
Por Redacción |
-
O Parlamento de Galicia insta desenvolver medidas contundentes contra a práctica das "pexas"
Por Oskar Viéitez |
-
Eurodeputados verdes denuncian a práctica das "pexas" nas Rías Baixas
Por Redacción |