Un quilo de cultura por un quilo de axuda
Por Redacción
Recoñece Andrea Area que a idea de que o seu traballo de fin de grao fose máis aló do papel e achegase algo á sociedade era algo que "levaba meses roldándolle a cabeza". Ata tal punto que, a finais de 2014, esta estudante de Comunicación Audiovisual decidiu aparcar o traballo de fin de grao no que comezara a traballar o curso anterior para comezar de cero cunha nova idea, a organización dun evento cultural solidario.
Foi así como naceu o CulturHelp, o festival benéfico que terá lugar entre o 20 e 22 de marzo en diferentes puntos do municipio de Sanxenxo e que non só lle permitirá completar os estudos que realiza na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, senón tamén axudar a moitos, posto que o seu obxectivo é reunir alimentos e roupa para Cáritas.
"Un quilo de cultura por un quilo de axuda", é o lema do ciclo no que Area tentou reunir múltiples disciplinas artísticas e no que a entrada para asistir aos seus diferentes espectáculos pasará pola doazón dun quilo de alimentos, que irán destinados ás diferentes sedes de Cáritas Parroquial no concello de Sanxenxo. Mais Area explica que tamén "poderase doar roupa ou calzado" ou mesmo diñeiro no "peto solidario" que se instalará nos accesos aos diferentes espectáculos.
Grazas á colaboración desinteresada de diferentes artistas e patrocinadores, Area deseñou un ciclo cultural no que tratou de que tivesen cabida múltiples manifestacións artísticas e que arrincará o venres 20 ás 18.00 horas na Casa Mariñeira de Portonovo co teatro de papel de Juste Kamishibai, tralo que terá lugar un espectáculo de clown e a proxección do filme Inside Job, ás 21.00 horas no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo.
Xa o sábado, o festival continuará ás 18.00 horas neste mesmo emprazamento cunha "máster class solidaria" de ilustración e cun concerto solidario ás 23.30 horas no pub O Trasno, onde actuarán Help me Devil, The Sharknadoos e Los Wavy Gravies.
Por último, o domingo 22, o CulturHelp pecharase cunha actuación de El Coco Dorado ás 13.30 horas na Sala Nauta, onde ao longo desa semana se poderán contemplar as exposicións fotográficas de Lorena Castro e Xosé Holgado, dous estudantes de Comunicación Audiovisual que presentan tamén deste xeito os seus propios traballos de fin de grao neste ciclo cultural.
Mais o CulturHelp tampouco rematará coa presentación do traballo fin de grao, posto que Area xa deixa clara a súa vontade de que "se todo sae ben, este sexa o primeiro de moitos, sempre co mesmo fin".