Laboriosa extinción dun incendio nun galpón en Troáns
Por Redacción
Un amplo dispositivo de emerxencias tívose que empregar a fondo esta madrugada para sufocar un incendio rexistrado nun galpón ao pé da estrada nacional N-640, na localidade de Guldrigáns na parroquia cuntiense de Troáns.
Segundo informaron dende Protección Civil de Cuntis, o lume orixinouse contra as 23.30 da noite do sábado nun galpón que almacenaba alpacas de herba. Este almacén está situado nas proximidades do campo de fútbol.
Os traballos para extinguir as chamas foron laboriosos xa que houbo que retirar manualmente gran cantidade de alpacas que se encontraban no interior do recinto.
O propietario do galpón colaborou no desenvolvemento destas tarefas que se prolongaron ata as 6:00 horas desta madrugada.
No operativo participaron bombeiros do parque do Salnés e do GES de A Estrada, a Garda Civil e as agrupacións de Protección Civil de Cuntis, Portas, Moraña e Caldas de Reis.