O modelo urbano de Pontevedra, o "mejor ejemplo" para Puerto del Rosario (Fuerteventura)
Por Alejandro Espiño
Puerto del Rosario é a capital da illa de Fuerteventura. Ten uns 37.000 habitantes, dos cales 30.000 viven no núcleo urbano e o resto repartidos en 14 poboacións rurais. Nos últimos anos, creceu moito "a lo largo y lo ancho", segundo a súa concelleira de Planeamento e Urbanismo, Carmen Gutiérrez, o que creou unha cidade que "no está cohesionada" e onde existen problemas en materia de mobilidade e accesibilidade.
O obxectivo do seu goberno municipal é "colmatar" a cidade, mellorando a calidade de vida dos seus habitantes e apostar por unha maior convivencia veciñal nas súas rúas e prazas. E téñeno claro, o "mejor ejemplo" para implantar no seu municipio é o de Pontevedra.
Coñéceno grazas a Francesco Tonucci, que nunha recente conferencia na cidade, citou en varias ocasións o modelo urbano da cidade do Lérez. E tras ese encontro non dubidaron en concertar unha viaxe a Pontevedra para comprobalo 'in situ'. "Nos ha impresionado mucho el proyecto de ciudad y la implicación de la ciudadanía con el ayuntamiento", explicou a edil canaria, que sinalou que alcanzar estes estándares "es un sueño para nosotros".
Xunto a ela, están a visitar a cidade a súa compañeira no goberno de Puerto del Rosario, Mari Carmen de la Cruz Socorro -edil de Cultura e Parques e Xardíns-, e Raquel Rodríguez Betancourt, directora dun colexio do municipio, interesada especialmente na iniciativa de Camiños Escolares, xa que buscan que os nenos "tomen las calles y las plazas de nuestra ciudad".
Durante a súa estanza en Pontevedra, entre outras cuestións, a delegación canaria mantivo un encontro con técnicos municipais para coñecer as medidas que se foron aplicando durante os últimos 16 anos, visitaron a cidade acompañadas do xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, ou revisaron o traballo da central de tráfico.
"Nos llevamos una impresión más positiva de la que esperábamos", recoñeceu a responsable de Urbanismo en Puerto del Rosario. "Lo que se ha hecho aquí es increíble", destacou. Carmen Gutiérrez afirmou que "cambiar el modelo de ciudad no es fácil y hacerlo de la mano de los vecinos es un ejemplo a seguir". De aí que sinalase que "esta es la ciudad que tenemos que conseguir", algo que para eles despois de ver Pontevedra "no es una quimera".
Neste sentido, Puerto del Rosario ten a intención de invitar o alcalde de Pontevedra e técnicos municipais a Fuerteventura para que protagonicen unhas xornadas técnicas sobre o modelo de cidade e os aspectos que serían exportables á illa. "Nos llevaríamos todo, menos el tiempo", concluíu a edil de Coalición Canaria.
Relacionadas:
-
Núñez Feijóo felicita ao alcalde de Pontevedra polo Premio Dubai outorgado polo modelo de cidade
Por Redacción |
-
A Universidade Autónoma de Barcelona estudará e divulgará o modelo urbano de Pontevedra
Por Redacción |
-
Tonucci, o home que inspirou a peonalización de Pontevedra para que os nenos tomasen as rúas
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |