32 días de traballos sociais para unha condutora sen permiso nin seguro que esnaquizou un semáforo
Por Redacción
Sen permiso de condución -non o sacara nunca- nin seguro obligatorio no seu vehículo. Así circulaba unha pontevedresa por Os Campos e Santa Margarita cando foi interceptada pola Policía Local tras sufrir un accidente de tráfico no que quedou esnaquizado un semáforo situado neste ámbito.
O suceso ocorreu o pasado 2 de xaneiro, sobre as 00.50 horas. No sinistro provocou danos valorados en 612,61 euros.
A condutora, acusada dun delito contra a seguridade viaria ao conducir sen carnet e sen seguro, chegou a un acordo de conformidade coa Fiscalía no xuízo rápido celebrado días despois. Foi condenada á pena de 32 días de traballos sociais en beneficio da comunidade.
Ao non ter contratado ningún seguro, a responsabilidade civil do accidente foi asumida polo Consorcio de Compensación de Seguros, que xa abonou ao Concello a cantidade na que os servizos técnicos valoraron os danos no semáforo.
Desta sentenza deuse conta este luns na Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra, ao afectar a bens de propiedade municipal. Ao recibir a indemnización, o goberno local renunciou ás accións civís que lle correspondían contra a autora destes danos.
Relacionadas:
-
Condenado a pagar 3 euros ao Concello por roubar electricidade dun farol
Por Oskar Viéitez |
-
Condenan a un ano de cárcere a unha pontevedresa que bateu cunha muleta a un policía local
Por Redacción |
-
Condenado un pontevedrés que bateu coa súa furgoneta contra unha papeleira para levala á súa casa
Por Alejandro Espiño |