Os 'furancheiros' piden abrir xa en febreiro e elixir cada un as tapas que poden servir
Por Alejandro Espiño
Os furanchos de Pontevedra ultiman os preparativos para iniciar unha nova tempada. Poderán abrir de novo un máximo de tres meses, a partir do próximo 1 de marzo. Os seus propietarios aseguran estar contentos coa normativa municipal, que entrou en vigor hai case dous anos, pero este venres mantiveron unha reunión co concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, para cambiar certos aspectos.
Segundo explicou o presidente dos 'furancheiros' pontevedreses, José María Fernández Cortizo, queren que o Concello lles permita abrir antes, xa en febreiro, porque moitos deles xa teñen preparado a estas alturas o excedente de viño. "Eu non sei como fan, pero algún xa teñen o viño feito en decembro e para eles podería ser bo que nos permitisen abrir un mes antes que na actualidade", explicou.
Ademais, queren cambiar as tapas que ofrecen. Actualmente todos eles preparan estas (táboa de embutidos e queixos, orella-chourizos, zorza-raxo, tortilla de patacas e pementos de Padrón), consensuadas hai dous anos. Pero agora entenden que o mellor sería que cada local escolla as cinco que queiran, dentro das once que permite a Xunta que, a maiores, sería tamén empanada, costela, sardiñas ou xurelos á brasa, callos, ovos fritos e croquetas.
Este último aspecto, segundo Antón Louro, poderíase modificar xa de cara a esta campaña e permitirá que a oferta de furanchos sexa máis completa, pero a ampliación do período de apertura terá que esperar para o próximo ano. En todo caso, o goberno municipal mostra a súa disposición a mellorar a normativa tras esta reunión co sector, ao que agradecen a súa colaboración para regular a súa actividade.
PIDEN MÁIS CONTROL Á XUNTA
Ambas as dúas partes tamén coinciden en que a Xunta de Galicia debe realizar un control máis estrito neste sector. Antón Louro sinalou que "non ten sentido" que cada concello teña a súa propia normativa, especialmente dentro da mesma comarca, e instou ao goberno galego a que "asuma plenamente" as súas competencias para rematar con aqueles 'furancheiros' que operan á marxe de todo tipo de normativas.
No caso de Pontevedra, o goberno municipal ten detectados "catro ou cinco" destes establecementos ilegais. Todos eles serán notificados en próximos días e recibirán a correspondente sanción administrativa.
Fronte a eles, 22 furanchos teñen toda a documentación en regra e poderán abrir, sen ningún tipo de problema, a partir do 1 de marzo. O horario será de 17.00 a 00.00 horas de luns a venres e de 12.00 a 01.00 horas en fins de semana e vésperas de festivo. Os seus tres meses de actividade, o máximo permitido para cada un, deberán cumprirse antes do 31 de xuño.
Só están permitidos nas zonas rurais de Pontevedra e, entre outras cuestións, teñen prohibida a sinalización do furancho a través de calquera panel ou indicativo que non sexa unha folla de loureiro; e só poderán servir viño recollido no termo municipal de Pontevedra ou na súa comarca, sempre directamente do barril e non embotellado.
Relacionadas:
-
Formación para produtores e adegueiros sobre denominación de orixe protexida
-
Os furanchos pontevedreses poderán iniciar a súa actividade en xaneiro
Por Redacción |
-
Impulso municipal ao recoñecemento de Indicación Xeográfica Protexida para os viños da comarca
Por Oskar Viéitez |
-
25 furanchos piden licenza en Pontevedra tras entrar en vigor a nova ordenanza
Por Redacción |