Arte, teatro, música ou fotografía centrarán os novos cursos do campus de Pontevedra
Por Redacción
Catro escenarios para unha oferta formativa deseñada para interesar ao seu propio alumnado e á cidadanía en xeral. Son os eixos da nova oferta de obradoiros da Vicerreitoría do campus para o segundo cuadrimestre. Arte sonora, performance, distribución de películas, construción de instrumentos musicais, técnica vocal, fotografía, teatro e comunicación cultural centran a súa temática, segundo o seu coordinador, Manuel Morquecho.
As facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte, xunto coa Escola de Enxeñaría Forestal e a Casa das Campás acollerán estes obradoiros de extensión universitaria de entre 30 e 40 horas de duración. Con prazas limitadas, xa está aberto o prazo de matrícula nuns cursos que teñen un custo de 40 euros, contía á que se aplica un desconto do 25% para os membros da universidade e do 50% para os bolseiros.
A música é protagonista neste programa de obradoiros por partida dobre. Por unha banda, porque entre o 7 de abril e o 11 de maio desenvolverase no campus o taller Construción de instrumentos musicais na escola, que impartirán David Carbajal, Bibiana Piñeiro e Xacobe Bobillo. Ademais, entre o 23 de febreiro e o 22 de abril, a soprano Esperanza Mara Filgueira impartirá en Ciencias da Educación e do Deporte un curso de técnica vocal.
Outra das novidades é o curso de iniciación á performance, que a alumna de Belas Artes Amaya González impartirá na Casa das Campás entre o 2 e o 12 de marzo e no que proporá unha reflexión sobre o papel do corpo nas artes escénicas. Ademais, a programación formativa da Vicerreitoría recupera despois de varios anos un obradoiro de iniciación ao teatro, que entre o 9 de febreiro e o 25 de marzo impartirá o actor e director Salvador del Río.
Por outra banda, a Casa das Campás acollerá entre o 8 de abril e o 7 de maio o Obradoiro Sonoro: Escoita Selectiva DIY, un taller impartido polo xestor cultural Francisco Porto e centrado nas diferentes ferramentas que están empregar os artistas que traballan co son como materia prima. Porto será tamén o responsable do taller A comunicación cultural a través das redes sociais, un curso de carácter práctico que se levará a cabo entre o 3 e o 31 de marzo.
Coa idea de dar continuidade a cursos anteriores sobre produción audiovisual e, ao mesmo tempo, poñer o acento nun "aspecto moi importante e do que se fala moi pouco", sumouse ao programa de obradoiros o curso Distribución de películas: festivais e vendas, que dirixe a profesora Isabel Martínez e que impartirá entre o 11 e o 15 de maio Felipe Laxe, un produtor premiado en festivais como os de Cannes ou Locarno.
O único curso que repite presenza con respecto ao curso pasado, por mor da súa alta demanda, é o de Fotografía publicitaria e de moda que entre o 6 e o 13 de febreiro impartirá, por terceiro ano consecutivo, o fotógrafo Jacobo Gayo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.