As Rías Baixas venderán en Fitur o seu "sabor a festa"
Por Oskar Viéitez
Turismo Rías Baixas acode ao escaparate de Fitur baixo o paraugas de Turgalicia para vender o "sabor a festa" da provincia.
A Feira Internacional do Turismo, Fitur, celebrará a súa 35 edición subindose ao carro da recuperación económica que pregoa o Goberno, confirmado a puxanza do sector cun aumento do 12% no número de expositores e do 4% da superficie de exposición.
A Deputación de Pontevedra acudirá a Fitur 2015 co propósito de atraer moitos dos 200.000 visitantes de todo o mundo que acoden ao Ifema de Madrid, especialmente dos 120.000 profesionais (axencias e touroperadores) de todo o mundo que se dan cita neste evento feiral.
Fitur desenvolverase do 28 de xaneiro ao 1 de febreiro.
O calendario previsto por Turismo Rías Baixas contempla o día 28 unha presentación no Hotel EuroStars Towers. Será o Día de Galicia no que estará o presidente da Xunta, Núñez Feijoo. Será a presentación da oferta de turismo das Rías Baixas e dos concellos da provincia a 150 touroperadores, representantes de axencias e operadores turísticos de todo o mundo.
O día 29 a secretaria de Estado de Turismo, Isabel María Borrego, fará entrega ás oficinas do Palacete das Mendoza e de Armenteira da distinción "Q" de calidade turística.
O día 30 presentarase o libro "Azul, praia e sabor a festa". Trátase dun libro singular que se irá actualizando de ano en ano e que recolle as festas de interés turístico internacional, nacional ou autonómico dos 62 concellos da provincia e as praias da provincia con bandeira azul.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asegurou que os municipios con actividade turística importante tamén terán un importante protagonismo.
Fitur 2015, que coincide cos mellores datos do turismo dos últimos anos, confirma a forte puxanza do sector nunha edición que contará con 9.107 empresas representadas, procedentes de 165 países e rexións, o que supón un crecemento con respecto ao ano anterior.
A estanza en Madrid de Turismo Rías Baixas prolongarase coa participación en Madrid Fusión 2015, o encontro internacional de gastronomía que se celebrará no Palacio Municipal de Congresos da capital do 2 ao 4 de febreiro.
Relacionadas:
-
As Rías Baixas promocionaranse como destino turístico nos Museos Gugenheim, Reina Sofía e Serralves de Oporto
Por Redacción |
-
Pontevedra estréase en Fitur tratando de atraer máis cruceiristas á cidade
Por Redacción |
-
Turismo Rías Baixas negociará en Fitur co Imserso para captar máis visitantes en tempada baixa
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra presumirá de gastronomía en Madrid con motivo da feira Fitur
Por Alejandro Espiño |
-
A 'app' de Turismo de Sanxenxo terá premio en Fitur
Por Redacción |
-
As oficinas de turismo do Palacete das Mendoza e Armenteira gañan o distintivo "Q" de Calidade
Por Redacción |
-
A Ruta da Camelia xa conta con sinalización turística
Por Redacción |