Piden á Xunta unha segunda edición do "Obradoiro de emprego conca río Verdugo-Oitavén"
Por Redacción
Os alcaldes de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, o de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e o anfitrión da Lama, Jorge Canda, mantiveron unha reunión este xoves no transcurso da cal decidiron optar conxuntamente a unha nova edición do "Obradoiro de Emprego Conca Río Verdugo-Oitavén" centrando a súa petición á Xunta en dous módulos, de xardinaría forestal e outro de atención sociosanitaria de persoas a domicilio.
Este novo obradoiro que se solicita tería, no caso de ser concedido pola Xunta, unha duración de seis meses e o obxectivo destes cursos é preparar uns 25 de alumnos, aos que hai que sumar o persoal contratado para dar formación en atención sociosanitaria a persoas no domicilio e en xardinaría forestal.
As prácticas que realizarían os alumnos do módulo de xardinaría forestal estarían centrados na conservación de zonas verdes do Parque Empresarial da Reigosa, o mantemento das zonas axardinadas do Concello. No municipio de Fornelos de Montes actuarían no cemiterio municipal, nos terreos xunto á praia fluvial e en diversos xardíns.
O proxecto está en fase de elaboración e os tres alcaldes esperan que sexa aprobado pola Xunta pola importancia que ten en darlle continuidade ao "Obradoiro de Emprego Conca Río Verdugo-Oitavén" que tanto éxito obtivo durante o seu desenvolvemento en pasado ano.
As persoas desempregadas participantes neste tipo de obradoiros, realizando labores de alumno-traballador perciben o salario mínimo interprofesional durante os meses que durarán estes proxectos.