Feijóo felicita os galegos pola recuperación económica
Por Oskar Viéitez
No seu tradicional discurso do día 31 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo balance dun ano no que se centra nas boas noticias para Galicia.
Núñez Feijóo detense nas alegrías que chegaron da man do sector da automoción, coa decisión de que se fabricasen en Vigo as novas furgonetas de Citröen, ou no naval, cos novos contratos conseguidos polos estaleiros galegos. "Galicia pode sentirse orgullosa como pobo e a este recoñecemento únese á valoración que tamén fan de nós dende fóra", proclama o presidente.
Chama a atención que o presidente pasa de puntiñas polo principal problema que segue sendo o desemprego, cunha concisa referencia: "debemos ter presentes tantas familias que aínda padecen as consecuencias da crise, especialmente as que sofren o paro; pero tamén convén ter presente que o que hoxe aínda nos parece insuficiente, non hai tanto tempo que nos parecía inalcanzable".
Galicia finaliza 2014 con 22.000 persoas menos no paro que o ano pasado, tendo menos débeda pública que a media de todas as comunidades e controlando as súas contas cunha previsión do crecemento do 2% para 2015, sinala o presidente do Executivo galego.
A continuación na súa mensaxe Feijóo insta os galegos a traballar todos xuntos pola creación de emprego e para afrontar a recuperación económica.
Unha mensaxe de ton positiva e que xira sobre a idea de que no próximo ano 2015 será moito mellor.