Teresa Pedrosa cre que non debería cobrar máis que Mariano Rajoy
Por Oskar Viéitez
A posta en marcha do Portal da Transparencia serviu, nas súas primeiras horas de funcionamento, para facer unha curiosa comparativa sobre aqueles altos cargos da administración que cobran máis que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy. Entre estes chaman a atención os máis de 132.000 euros brutos ao ano que cobra a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, a pontevedresa Teresa Pedrosa.
Rajoy gaña un soldo bruto de 78.185 euros.
Este xoves, a que fora candidata do PP á alcaldía de Pontevedra, admitiu que percibe unha "retribución alta" e sinalou que, na súa opinión, "la delegada de Zona Franca no debe ganar más que el presidente del Gobierno, cuya responsabilidad es superior".
Teresa Pedrosa recordou que o soldo do seu cargo se fixou no ano 1990, a partir dun "estudio de mercado", e se aprobou por unanimidade no Comité Executivo do Consorcio. Nese momento, fixouse o salario en 13 millóns de pesetas (aínda que tamén se aprobou entón un incremento do 10,85 por cento para o ano 91).