Dous acusados de traficar con cocaína entre piña e pescada intentan tombar as picadas que os incriminan
Por Natalia Puga
Os veciños de Vigo Severo Garrido Méndez e Alberto Cabezas Rubio, acusados dun delito de tráfico de drogas por intentar introducir cocaína a través dos portos de Marín e Lisboa entre latas de piña e pescada conxelada, intentaron forzar unha vez máis que se anulen as escoitas telefónicas que lle incriminan nos feitos. Aconteceu este xoves durante o xuízo que se celebra na Sección Segunda da Audiencia, pero o tribunal rexeitou a petición.
Este xoves retomouse o xuízo despois de que o martes o terceiro acusado, Antonio Cruz Vásquez Salazar, recoñecese a súa implicación nos feitos. Nesta segunda sesión, os avogados defensores dos outros dous procesados pediron a impugnación das escoitas e o presidente do tribunal, José Juan Barreiro Prado, realizou un receso para analizalo.
Tras estudar a solicitude, non a aceptou por ser extemporánea -non é o momento procesual- e porque en ningún momento os dous procesados negaron a súa intervención nesas conversacións que aparecen reflectidas no procedemento como froito das picadas telefónicas.
A petición dos dous avogados defensores non é a primeira nesta liña, pois xa no mes de xullo, nas cuestións previas dun xuízo que finalmente se suspendeu, manifestaron o seu rexeitamento ao contido destas escoitas. O tribunal, naquel momento, xa o rexeitou.
O xuízo retomarase o próximo luns 15 de decembro na Sección Segunda da Audiencia coas conclusións do fiscal, Pablo Varela, e das tres defensas dos procesados. Este xoves, antes de que a sesión se aprazase, pasaron pola sala de vistas os policías que participaron nas investigacións polas que os acusados acabaron detidos e os técnicos de laboratorio que analizaron a droga intervida no porto de Lisboa mesturada en 38 latas de piña que chegaban dende Colombia nun colector.
Os policías da Unidade de Delincuencia e Crime Organizado (UDYCO) e de Vixilancia Aduaneira que investigaron os procesados sinalaron ante o tribunal que realizaron seguimentos nos que presenciaron que os tres acusados mantiveron reunións tanto en Madrid como en Vigo nas que se presupón que organizaron o transporte de droga entre Sudamérica e a Península Ibérica.
A Fiscalía pedía inicialmente para cada un deles 11 anos de prisión e o pagamento dunha multa de 1.800.000 euros, se ben transcendeu que Antonio Cruz chegou a un acordo co Ministerio Público polo que a súa pena se vería reducida.