Lores sobre Moreira: "Debería deixar de ir ao primo de Zumosol, que ademais non lle dá moito a razón"
Por Diego Espiño
"Cando non hai plantexamentos políticos serios acode á vía xudicial. Expresa falta de ideas". ÿ a resposta do alcalde de Pontevedra ante o recurso xudicial presentado polo Partido Popular para recuperar as dúas dedicacións exclusivas das tres que tiña o seu grupo municipal e que deixaron de percibir tras o pleno de xullo.
Miguel Fernández Lores remítese ao pacto previo alcanzado na xunta de portavoces que "Jacobo Moreira rompeu. Sabe cal é a nosa posición, se rompeu o pacto que apande coas consecuencias".
O alcalde da capital criticou ademais a frecuencia coa que o grupo municipal popular acode á vía xudicial, "recurreron a peonalización ou o arranxo da Praza de España, cousas irrecurribles. Deberían ter outro plantexamento que ir ao primo de Zumosol, que ademais non lle dá moito a razón".
Solicitude de información do Goberno pola paga de produtividade
Fernández Lores defendeu unha vez máis a decisión de abonar unha paga de produtividade aos funcionarios municipais que compense a perda da extra de decembro. O rexedor pontevedrés, ante a solicitude de información por parte do Goberno, confirmou que se contestará formalmente á petición pero non se remitirá documentación polo menos ata final de mes, "piden xustificar a paga de decembro pero ata o día 30 non se paga, é ridículo".
O Concello de Pontevedra, segundo Lores, non utilizou o diñeiro da paga extra para abonar o complemento de produtividade, "non usáronse eses cartos. A decisión de non utilizar o diñeiro da extra está tomada, aínda que non no pleno, algo que faremos este mes".