Cotobade entrega toda a documentación para a aprobación do polígono industrial de Salgueirós
Por Redacción
O Concello de Cotobade xa entregou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia toda a documentación necesaria para a aprobación no Consello da Xunta do futuro polígono industrial do municipio, que se ubicará en Salgueirós.
O alcalde, Jorge Cubela, anuncioulle a entrega ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e explicoulle que isto permitirá que Cotobade, "por primeira vez na súa historia", poida dispoñer de chan urbanizable para uso industrial. O polígono de Salgueirós contaría con 163.000 metros cadrados nas parroquias de San Xurxo de Sacos e Viascón.
Unha vez presentada ante a Xunta toda a documentación, "agora só nos queda agardar a resolución do Consello", sinala Cubela en declaracións difundidas pola Xunta de Galicia. Recorda que a tramitación xa foi superando todos os pasos necesarios para chegar á administración autonómica, tales como o informe da Dirección Xeral de Patrimonio, a memoria ambiental e a aprobación puntual das súas normas subsidiarias.
Cubela valora que "tras anos de intentos fallidos, máis de 15, por fin podemos dicir que estamos a un só paso de contar con este tipo de terreos que permitirán que os autónomos, as PEMES e as iniciativas dos emprendedores do noso municipio non se escapen por falta de chan industrial".
Ademais, anunciou as súas aspiracións futuras en relación con esta dotación. A súa intención é converter o futuro polígono "nun similar aos xa conseguidos polos concellos de Campo Lameiro, Forcarei ou A Lama". Cores Tourís desexoulle que a tramitación do proxecto sexa unha realidade "o antes posible".