Deteñen un home con 286 gramos de heroína pegados no nocello
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un home de 64 anos como presunto autor dun delito contra a saúde pública tras localizalo en posesión dun paquete de 286 gramos de heroína que levaba suxeito ao nocello con fita adhesiva.
O home, natural de Vimianzo (A Coruña), ten antecedentes policiais por feitos similares. Tras a súa detención e posta a disposición xudicial, o xuíz decretou o seu ingreso en prisión.
A investigación que derivou na súa detención iniciouse grazas á colaboración cidadá, ao recibirse na Comisaría Provincial un aviso alertando de que un coñecido narcotraficante da zona de Vimianzo se ía trasladar á provincia de Pontevedra para adquirir unha indeterminada cantidade de heroína.
Segundo informou a Comisaría, os axentes policiais estableceron un dispositivo de vixilancia que deu os seus froitos ao localizar o individuo nun bar próximo a Caldas de Reis. Debido ás medidas de seguridade que adoptou, perdéronlle a pista, pero conseguiron localizalo novamente.
Nese momento, os axentes interceptáronlle e levaron a cabo un rexistro do vehículo e un cacheo de seguridade do detido, localizando á altura do nocello da perna dereita un paquete rectangular que resultou estar cheo de heroína.
Os axentes realizáronlle un test de droga e comprobaron que daba positivo en consumo de heroína. A continuación, procederon á detención e posterior traslado a dependencias policiais.