Folga de Paradores: escasa incidencia en Pontevedra e total en Cambados
Por Anxo Lourido
Este venres desenvolveuse a primeira das dúas xornadas de folga convocadas polos sindicatos CC.OO. e UGT contra o ERE que a empresa pública prevé levar a cabo nos Paradores Nacionais de Turismo. Segundo os sindicatos, o seguimento roldou nos establecementos galegos o 90 por cento.
En Pontevedra, segundo fontes internas do Parador, os traballadores non se sumaron ao paro e realizaron a xornada laboral con normalidade. No Parador Casa do Barón, a empresa pública estuda a posibilidade de eliminar 5 postos de traballo dun equipo que conta na actualidade con 29 empregados, a maioría deles con bastantes anos de antigüidade na empresa. Ademais, tamén estaría a analizarse a posibilidade de reconverter o restaurante-comedor actual nun mesón.
Segundo as mesmas fontes, ata o momento non houbo ningún contacto coa dirección da empresa que confirme estes cambios. Durante esta ponte da Constitución, o Parador encóntrase nun nivel dun 40% de ocupación, o que supón un descenso con respecto ás cifras rexistradas durante os últimos anos nestas datas.
No Parador de Cambados, a folga foi seguida pola totalidade do equipo que protagonizou concentracións ás portas do establecemento no que só permaneceron no seu posto de traballo o director do centro e o vixilante de seguridade. Precisamente, o propio director do centro, unha persoa de mantemento e outra do servizo de limpeza son os tres postos que a empresa pública estuda eliminar este establecemento hoteleiro.
Para este sábado 8 está prevista unha manifestación en Baiona ás 5 da tarde que partirá de Santa Marta e finalizará no Parador de Baiona.
O Plan de Viabilidade contempla o peche do Parador de Ferrol e o de Verín ademais de 85 despedimentos. Os sindicatos manterán o primeiro contacto coa empresa para a negociación do ERE o próximo martes 11 de decembro.