Un brinde polo cuarto aniversario do CITA
Por Alejandro Espiño
Un día antes de que comecen as actividades para celebrar o cuarto aniversario do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), o Concello de Pontevedra quixo reunir nas súas instalacións a unha representación de autoridades e colectivos sociais da cidade para brindar con eles polo futuro deste museo que, recentemente, iniciou unha nova etapa na que busca unha maior apertura cara á cidade.
O acto, presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, contou coa participación dos concelleiros Antón Louro, Agustín Fernández, Luís Bará, Anxos Riveiro e María Biempica. Estiveron acompañados por representantes, entre outros, da facultade de Belas Artes, o Carlos Oroza, o Centro Comercial Urbano Zona Monumental, o conservatorio Manuel Quiroga, Amigos do Camiño Portugués ou a escola de Restauración.
Fernández Lores destacou que a empresa que xestiona actualmente este museo, Etnoga, pretende "abrir o CITA á xente" e espera que a celebración deste cuarto aniversario sirva como impulso "para que o visite todos os cidadáns de Pontevedra" e se promocione en toda Galicia, especialmente entre os centros educativos.
Ademais, animou a todos os colectivos sociais de Pontevedra para que usen as instalacións do CITA, que cualificou como "magníficas" para celebrar nela todo tipo de actividades como conferencias, presentacións de libros ou mesmo concertos.
Xunto co tradicional brinde, os asistentes puideron degustar unha tarta deseñada polo artista Daniel Diéguez, que creou unha réplica exacta da entrada do CITA.
Relacionadas:
-
RADIO.- Esculturas comestibles de Daniel Diéguez, alguén se resiste a unha dentada?
Por Marisa Ciordia |
-
Portas abertas e música do Dúo Fírveda para celebrar o Día dos Museos no CITA
Por Redacción |
-
O CITA pecha para acometer os traballos de conservación
Por Redacción |
-
O CITA cumpre catro anos
Por Alejandro Espiño |