Un autobús escolar choca cun turismo en San Adrián de Cobres
Por Redacción
Un autobús escolar no que viaxaba media decena de menores viuse implicado este mércores nun accidente de tráfico en San Adrián de Cobres no que ningún dos nenos resultou lesionado, aínda que si hai constancia de feridos no outro vehículo afectado.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro rexistrouse pouco antes das 14.10 horas na estrada N-544 que comunica Vilaboa con Rande á altura da parroquia de San Adrián de Cobres e consistiu nunha colisión entre un autobús e un turismo.
Outras fontes consultadas sinalaron que no autobús escolar viaxaban ese momento media decena de menores entre 12 e 14 anos, pero todos eles resultaron ilesos. No outro vehículo viaxaban dous ocupantes que sufriron feridas de carácter leve.
Ao lugar do sinistro desprazáronse medios da Policía Local e Protección Civil de Vilaboa, o subsector de Tráfico da Garda Civil e Urxencias Médicas de Galicia 061.