Feísmo a golpe de cartel
Por Oskar Viéitez
Un bo número de carteis de obras xa rematadas dende hai anos afean a cidade de Pontevedra. Nisto coinciden o goberno local de Pontevedra e o Partido Popular.
O Concello, contempla a retirada destes elementos dentro do programa +BoaVila, unha iniciativa que impulsan os concelleiros nacionalistas, Carmen Fouces, Luis Bará e Anxos Riveiro, e que está destinada a actuar sobre espazos públicos e bens privados co obxectivo de mellorar a calidade urbana e estética do municipio e permitir unha maior convivencia cidadá.
Os populares locais súmanse a esta cruzada contra o feísmo urbano elaborando un inventario de carteis de obras xa rematadas, cuxa retirada esixen ao concello.
Os concelleiros do PP, Jacobo Moreira e Pablo Fernández compareceron en rolda de prensa para chamar a atención sobre un total de 15 carteis de grandes dimensións situados no ámbito urbano de Pontevedra, algún deles do 2006 que corresponde á construción do edificio da Xunta en Campolongo.
O concelleiro Luis Bará celebrou que o PP coincida co goberno local nesta preocupación e precisou que a proposta de +BoaVila e máis ambiciosa pois inclúe os valados de obras públicas pero tamén de privadas e paneis publicitarios. Os técnicos municipais están a elaborar un estudo onde se recompilan todas estes elementos que afean a cidade.
Ademais os populares suxeriron que o Concello esixa ás empresas construtoras a súa retirada.
Relacionadas:
-
Marea pide a retirada dos valados publicitarios da ribeira urbana do río Gafos
Por Redacción |
-
Os veciños de San Roque ansían a inclusión do seu barrio no plan "+Boavila"
Por Redacción |
-
Veciños de Barcelos e San Antoniño coñecen as propostas de +Boavila para o seu barrio
Por Redacción |
-
San Antoniño e Barcelos, primeiras zonas de actuación do programa +Boavila
Por Alejandro Espiño |
-
+Boavila, un proxecto para acabar co feísmo e mellorar a calidade urbana e a convivencia nos barrios
Por Alejandro Espiño |