Os bares de Marín ultiman os preparativos para a tradicional festa de San Migheleiro
Por Redacción
Preto dunha trintena de hostaleiros reuníronse co goberno municipal de Marín para ultimar os preparativos para a celebración da tradicional festa de San Migheleiro, que terá lugar o próximo 27 de setembro. En concreto, neste encontro pretendíanse coordinar os labores que, de forma necesaria, deberá realizar o Concello de Marín con motivo deste día.
María Ramallo, que estivo acompañada dos concelleiros de Festas e de Medio Ambiente, Luis Lago e Marian Sanmartín, comprometeuse a que será o Concello o encargado de potenciar a publicidade do evento e a animación durante a xornada, tratando de atraer público a Marín. Neste sentido, a ruta da mañá estará amenizada por unha charanga e a da tarde por un grupo de batukada.
Ademais, os locais poderán achegar actividades co obxectivo de potenciar a oferta e ofrecer alternativas que congreguen un maior número público. Terán vía libre para programar propostas en función dos gustos de cada un dos hostaleiros.
Nesta reunión, tamén se decidiu apostar por un modelo de camiseta única para todos os locais, co fin de dar unha imaxe única desta celebración.
Todos confían en que a festa, que se celebra dende hai 25 anos, sexa de novo un éxito e que o veranciño de San Miguel luza toda a fin de semana, para que tamén o domingo 28 os danzantes poidan honrar o seu patrón polas rúas de Marín.