Sanxenxo acollerá este sábado a feira "Embarcados', un mercado de emprendedores
Por Redacción
A Praza dos Barcos de Sanxenxo acollerá este sábado 20 de setembro un mercado de emprendedores. Trátase de Embarcados, unha feira participativa entre empresas e público para dar valor ao traballo e o coñecemento especializado de artesáns, pequenos produtores, deseñadores, agricultores e empresas familiares. Celebrarase entre as 12.00 e as 21.00 horas.
ÿ unha iniciativa da Asociación Lúdica e Cultural O Cubreiro, promotora de actividades lúdicas, culturais e deportivas na comarca do Salnés.
Durante o mercado, ademais de poder charlar directamente cos produtores, degustar e adquirir os seus produtos, haberá talleres e actividades para nenos e adultos dirixidas a dar a coñecer mellor o seu traballo e profesión. Entre as actividades poden encontrar diversidade de talleres como cestaría contemporánea, de enxertos en plantas, de educación ambiental, de tecer en tear, de traballos con redes ou mesmo un taller de ilustración para nenos.
Os talleres e actividades terán lugar na citada praza e na Sala Nauta. En caso de chuvia, todo o mercado se trasladará ao porto deportivo de Sanxenxo.
Participarán neste mercado as firmas Idoia Cuesta, Leonlagata, Carabuñas, Demo Editorial, Rir&Co, Gráficas do Noroeste, Conservas Lou, Corticata Turismo Ambiental, Zianum Albariño, Sidra Lagar de Ribela, Asociación de Redeiras Artesás Illa da Estrela de Corme, Viveiros Daplanta e Rodopio.