Intensifican os controis de velocidade e alcoholemia pola Concentración Moto Turística Rías Baixas
Por Redacción
As Forzas de Seguridade poñerán en marcha un operativo especial de seguridade este fin de semana en Sanxenxo con motivo da celebración da XXX edición da Concentración Moto Turística Rías Baixas, que se prolongará ata o domingo en Baltar.
Segundo explicou o concelleiro delegado de Seguridade Cidadá, Salvador Durán, tanto a Policía Local coma a Garda Civil de Tráfico realizarán controis de velocidade e de alcoholemia "co obxectivo de evitar que se produzan sinistros nunha fin de semana na que se prevé unha gran afluencia de visitantes ao municipio".
Ademais, o Concello de Sanxenxo deu a coñecer o resultado dos controis realizados pola Policía Local durante o último fin de semana de agosto. Entre outras actuacións, realizouse un control de velocidade mediante radar no que se vixiaron a un total de 4.595 vehículos e detectouse que 22 circulaban a unha velocidade superior á establecida.
Ademais, os axentes localizaron dous condutores que deron positivo en alcoholemia, estando un deles implicado nun accidente de tráfico, e formularon dúas denuncias por non realizar a inspección técnica de vehículos e unha terceira ante a Subdelegación do Goberno contra unha persoa que se negou a identificarse ante os axentes.
Ademais, os axentes realizaron 147 controis do horario de peche dos locais de ocio nocturno e procederon a denunciar un establecemento por permitir fumar, unha persoa por golpear o mobiliario urbano da praia de Baltar e outra por tenza de estupefacientes en vía pública.