Os veciños coñecerán en setembro as melloras na Avenida de Vigo
Por Redacción
A Unión temporal de empresas Covsa e EC Casas presentará en setembro o proxecto definitivo de melloras que se van a realizar no tramo da Avenida de Vigo ata Luís Seoane, na Avenida da Estación e no camiño de terra que une Estación coa Avenida de Vigo.
Estes traballos forman parte das obras de reforma que a adxudicataria comprometeuse a realizar por 1,1 millón de euros á vez que realiza as obras de desdobramento da Avenida de Vigo, un vial que ten un orzamento de 3.782.000 euros. Este novo acceso a Pontevedra contempla dous carrís de saída e un de entrada e a actual Avenida de Vigo contará só cun carril de saída cando finalicen os traballos que se executarán no prazo dun ano.
O proxecto de melloras, segundo indicou o concelleiro Luís Bará, presentarase aos veciños para que coñezan de primeira man como van quedar estas obras.
O responsable de Patrimonio explicou tamén que, nos proximos días, van comezar os traballos en Raíña Vitoria e, posteriormente, na rúa Alameda e espera que non sexa necesario o corte o tráfico para desenvolver estas obras que, entre outras melloras, contempla a elevación dos pasos de peóns. Raíña Vitoria ten prioridade para evitar que as obras coincidan co inicio do curso escolar.
CASTRO DAS CROAS
O concelleiro engadiu que durante esta mañá desenvolveuse unha visita guiada polo Castro das Croas e estúdase ampliar o número de visitas ao xacemento e as xornadas de voluntariado.
Bará indicou que está previsto desenvolver unhas xornadas de divulgación para que os veciños de Salcedo e, en xeral, todos os pontevedreses teñan coñecemento do valor do patrimonio cultural da zona.