Os pasos de peóns elevados en Raíña Vitoria e Alameda, despois das festas
Por Alejandro Espiño
Tras a desmontaxe das atraccións das Festas da Peregrina comezarán as obras no ámbito do instituto Sánchez Cantón. O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nunha zona que, recordou o concelleiro Luis Bará, é onde máis atropelos se producen dentro da zona urbana de Pontevedra. O Concello de Pontevedra quere que estes traballos estean listos antes do inicio do curso escolar en setembro.
En concreto, actuarase en todos os pasos de peóns da rúa Raíña Vitoria, salvo o que está diante da Audiencia provincial e no cruzamento con Palamios, e nos da rúa Alameda, entre a rotonda de San Roque e a rúa Echegaray.
En Raíña Vitoria, a reforma principal producirase no paso de peóns situado diante do instituto Sánchez Cantón. Elevarase e daráselle un maior ancho, para permitir que os estudantes poidan cruzar cunha maior seguridade. Esta medida obrigará a suprimir, segundo Bará, "tres ou catro" aparcadoiros próximos a ese paso de peóns. Tamén se elevará o situado fronte ao hotel Dabarca.
Pola súa banda, na rúa Alameda elevaranse os pasos de peóns situados na confluencia con Echegaray e diante do Fogar do Maior. Unha actuación diferente terá o que está próximo á rotonda de San Roque. Non se pode elevar, debido aos garaxes que hai na zona, polo que se instalarán redutores de velocidade, que servirán para calmar a velocidade do tráfico sen ter que elevar o paso de peóns.
As obras nestas dúas rúas teñen un presuposto de 60.439 euros.
Relacionadas:
-
Apuran a instalación de lombos en Raíña Vitoria antes do paso de La Vuelta
Por Redacción |
-
Comezan as obras para o desdobramento da Avenida de Vigo
Por Redacción |
-
Pechan as rúas Alameda e Raíña Vitoria ata despois das Festas da Peregrina
Por Redacción |
-
Cambios de sentido en Palamios e o ámbito da desembocadura do Gafos
Por Alejandro Espiño |
-
Anuncian 'lombos' en Raíña Vitoria, a peonalización de Alfonso XIII e lixeiros cambios en Echegaray
Por Alejandro Espiño |