Jacobo Moreira insta ao Concello a acondicionar "dunha vez por todas" varias zonas de Campañó
Por Redacción
O voceiro local do PP, Jacobo Moreira, pide ao Concello de Pontevedra "celeridade" para arranxar o estado de abandono que detecta nos lugares de O Riverio, Casal de Rei e Soutonovo, en Campañó, e acabe coas herbas e silvas presentes en moitos camiños e pistas da parroquia.
Logo dunha visita á parroquia acompañado polo concelleiro César Abal e varios veciños, Moreira solicita tamén ao goberno de Miguel Anxo Fernández Lores que faga unha revisión da situación dos colectores de lixo, xa que están moi afastados das vivendas e os residentes teñen que camiñar bastante para poder depositar os seus desperdicios.
Durante a visita a Campañó Jacobo Moreira e César Abal sinalan que constaron a sucidade e a falta de limpeza que están a soportar os veciños de O Riverio, Casal de Rei e Soutonovo, onde a maleza invade pistas e instalacións. Segundo recolle o PP nun comunicado, hai catro anos que non se realizan limpezas nestes puntos.
No caso de Soutonovo, á sucidade e maleza os populares engaden outro problema: o mal estado da pista, repleta de fochancas, que dificultan a circulación e que supoñen un perigo para condutores e peóns. "Catro anos son máis que suficientes para acabar con estes problemas. Os veciños de Campañó son tan pontevedreses como os de Benito Corbal e merecen que non se lembren deles só en eleccións", comentou Moreira.