Detidos por dar unha malleira con vasos e cintos a un mozo que perdeu varios dentes
Por Redacción
A Policía Nacional detivo os supostos autores dunha agresión rexistrada na madrugada do venres ao sábado na que un mozo perdeu varias pezas dentarias e sufriu diversas lesións e unha ferida incisa nas súas costas que requiriron puntos de sutura. Á hora de agredilo supostamente utilizaron vasos e cintos, ademais de propinarlle patadas e puñazos.
Os detidos por un delito de lesións son dous veciños de Pontevedra de 51 anos e 24 anos, que foron postos a disposición do Xulgado de Garda e quedaron en liberdade. A súa presunta vítima tivo que ser atendido no lugar da agresión por sanitarios do 061 e posteriormente trasladados en ambulancia ao Hospital de Montecelo. Quedou ingresado para o seu tratamento e valoración.
Os feitos sucederon sobre as 4.00 horas da madrugada do sábado 23 de agosto na rúa Benito Corbal. A Comisaría recibiu unha chamada na que se alertaba dunha liorta entre varios individuos, así que se desprazaron varias dotacións da Policía Nacional. Ao chegaron encontraron a un mozo tendido no chan e próximos a el dous individuos de pé.
Froito do relatado polas testemuñas e das xestións practicadas in situ polos axentes, determinaron que os dous participaran na liorta e agrediran á persoa tendida no chan. Segundo se puido saber, ademais de golpealo con puñazos e patadas, terían utilizado vasos e cintos.
Os axentes procederon á intervención dos cintos, que presentaban indicios de ter sido utilizados. A continuación, atendendo ás circunstancias e instrumentos empregados na agresión e ao tipo de lesións sufridas polo prexudicado, procederon á súa detención e traslado aos servizos sanitarios e posteriormente á Comisaría.