Campelo dá boa conta de media tonelada de ameixa
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A pesar de que ata o último momento estivo en dúbida a posibilidade de celebrar a Festa da Ameixa con bivalvos da Ría de Pontevedra, finalmente Campelo viviu unha fin de semana de deleite gastronómico e os veciños de Poio e visitantes deron boa conta de media tonelada de produto.
A XXVII Festa da Ameixa de Campelo comezou o sábado un pouco descafeinada, con escasa asistencia de público, pero remontou o domingo e a carpa gastronómica colgou o cartel de cheo de comensais dispostos a probar ameixas á mariñeira, fideos con ameixas e fabas con ameixas a un prezo de entre seis e sete euros.
Segundo o concelleiro de Turismo, Xosé Luis Martinez Blanco, durante estes dous días consumíronse 40 quilos menos de ameixa que o pasado ano, un descenso "motivado principalmente polo bo tempo rexistrado durante toda a fin de semana e as ganas de praia da xente". Notáronse na afluencia de visitantes oa ser este unha das primeiras fins de semana de verán da tempada estival. De todas maneiras, o Concello fai unha valoración da festa "bastante positiva" ao superar en máis de 30 quilos as expectativas previstas inicialmente.
En canto ás racións consumidas, un 60 por cento foron ameixas a mariñeira, un 26 por cento servidas con fideos e o resto preparadas con fabas. No que respecta ó número de asistentes, a maior afluencia rexistrouse en horario de mañá tanto o sábado como o domingo sendo a mañá deste ultimo día a máis concurrida.
A festa é, para Poio, unha oportunidade de promoción da ameixa babosa e da zona de Campelo. Para os asistentes na festa, de degustar ameixa da Ría a prezos populares, ao tempo que gozan do ambiente que rodea a festa.
A festa comezou o sábado ás 12.30 horas coa apertura e inauguración da carpa gastronómica e durante a tarde fóronse sucedendo actuacións de grupos de música e baile folclórico da zona. O domingo foi o día grande. Ás 11.45 horas homenaxeouse as mariscadoras xubiladas o ano pasado e houbo actuacións musicais. A festa puxo punto e final ás 22.00 horas cunha verbena a cargo da orquestra Ismael.
Relacionadas:
-
Poio rexistra unha ocupación hoteleira do 65% na segunda quincena de xullo
Por Redacción |
-
Campelo cociñará media tonelada de ameixas esta fin de semana
Por Oskar Viéitez |
-
Se se abre a ría haberá Festa da Ameixa o 12 e 13 de xullo
Por Oskar Viéitez |
-
Piden que se atrase a Festa da Ameixa de Campelo ante a falta de produto
Por Redacción |