Cambados solicita autorización para que unha foto de Felipe VI bebendo albariño presida o salón de plenos
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cambados, Luis Aragunde, dirixiu un escrito á Casa Real e ao Ministerio de Administracións Públicas para que autoricen a utilización dunha fotografía de Felipe VI para presidir o salón de plenos.
A fotografía foi tomada no ano 1988 cando Felipe de Borbón foi investido "Cabaleiro do Capítulo Serenísimo do Albariño".
O goberno local asume que a autorización non será doada xa que haberá que estudar se se cumpre co disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais.
O retrato oficial do Rei xa se encontra nos organismos públicos.
Patrimonio Nacional é a institución encargada da distribución e venda dos retratos e fotografías oficiais dos reis.
Colexios e universidades, edificios estatais, xulgados e concellos e todo tipo de organismo oficial tiveron que descolgar un retrato e colgar outro.