Ao kamikaze da autovía do Salnés xa lle retiraran o permiso por sentenza xudicial
Por Natalia Puga
O condutor kamikaze interceptado pola Garda Civil na autovía do Salnés circulando en sentido contrario non é un novato en infraccións ao voltante. Xa lle retiraran o carné con anterioridade por sentenza xudicial e, de feito, aínda non o recuperou, de forma que a súa conduta temeraria deste xoves a cometeu sen ter permiso de conducir.
O condutor resultou ser un veciño de Pontevedra de 60 anos. Responde ás iniciais B.V.G. e foi detido como suposto autor de dous delitos contra a seguridade vial (conducir de forma manifestamente temeraria e facelo tendo retirado o permiso de condución por sentenza xudicial).
Tal e como adiantou PontevedraViva, os feitos sucederon sobre as 18:30 deste xoves. A Guardia Civil de Tráfico tivo coñecemento da súa conduta ao volante dun vehículo marca Dainler Chrysler a través das chamada de varios particulares. As persoas alertaron que circulaba pola autovía do Salnés en sentido contrario dirección Pontevedra á altura da saída de Meis.
Pouco despois, unha patrulla de Tráfico interceptouno á altura de Curro (Barro). Antes deulle tempo a percorrer uns 15 quilómetros polo carril dirección Sanxenxo, co conseguinte risco para os demais usuarios da vía.
Tras dar positivo en alcoolemia foi detido por conducir sen carné e por facelo de forma temeraria. Pasou a noite en dependencias da Garda Civil xa as 10.00 horas deste venres pasou a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis, que decretou a liberdade con cargos e o comiso do vehículo.