Queres acampar este verán en Ons? Xa se poden solicitar os permisos para pasar alí uns días
Por Redacción
Desde este domingo os interesados en acampar na Illa de Ons poderán facer as súas solicitudes. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas informa que se poderá pernoctar nela entre o 15 de xullo e o 15 de setembro. A través da páxina web do Parque Nacional das Illas Atlánticas, os usuarios poderán facer a reserva cun máximo de cinco días consecutivos nos meses de xullo e agosto e sete no caso dos meses de xuño e setembro.
A área reservada para a acampada na Illa de Ons ocupa unha superficie de 8.717 metros cadrados, situados na parte alta da zona central da illa. Trátase dun terreo valado con pouca pendente, axeitado para esta actividade e que na súa maior parte está arborado con piñeiros e eucaliptos.
Os servizos dispoñibles para os campistas dentro da zona de acampada redúcense a unha caseta de recepción e información situada na entrada. Fóra da área delimitada para acampar, existen outros servizos como unha caseta de servizos hixiénicos con 6 duchas e 6 inodoros, un recinto para colectores de recollida de residuos, unha foxa séptica para recollida de augas residuais das instalacións e unha marquesiña preparada para o uso de cociñas de cámping gas.
NORMATIVA PARA A ACAMPADA
Todas aquelas persoas que desexen acampar en Ons deberán presentar o permiso na Oficina de Información da illa xunto cunha identificación oficial. Só se poderá solicitar o permiso de acampada durante os 15 días previos á data de inicio e ao seu remate hai que deixar sempre dous días de diferenza para solicitar un novo. ÿ obrigatorio anulalo se finalmente non se vai a utilizar. En caso contrario sancionarase cun ano sen poder solicitar un novo permiso.
Co fin de asegurar a conservación dos seus ecosistemas naturais, existen unha serie de normas básicas que deben cumprirse nas illas do Parque Nacional. Nese sentido, non está permitido, entre outras cousas, acampar sen autorización, utilizar megafonía ou facer demasiado ruído , desembarcar animais domésticos, acender calquera tipo de lume, arroxar lixo fóra das zonas habilitadas para iso ou molestar e ferir aos animais silvestres.
Ademais, tampouco se permite recoller pedras ou cunchas, practicar a pesca submarina ou deportiva, navegar ou fondear na illa sen autorización, acceder ou transitar con vehículos a motor ou filmar e fotografar a zona con fins comerciais. Calquera de estas infraccións poden supoñer unha sanción que oscila entre os 60 e os 300.506 euros.
CAMPING EN CHAN DA PÿLVORA
Medio Ambiente levará a cabo ao remate da tempada estival unhas obras para a construción e explotación do cámping da illa de Ons, dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que consistirán no acondicionamento e mellora da área de acampada existente en Ons, de xeito que se lle dote dos servizos propios dun campamento de turismo para que, cumprindo todos os requisitos legais, respecte ao mesmo tempo o entorno de Parque Nacional que ocupa.
A zona obxecto desta actuación é menor dunha hectárea e as instalacións propostas son as mínimas necesarias para unha instalación de campismo, cunha superficie construída do 5% da total da parcela reservada para a acampada, de 8.717 metros cadrados. As instalacións darán cabida a un máximo de 276 visitantes.
O obxectivo da Xunta de Galicia é o de ordenar e mellorar un espazo de acampada que a día de hoxe non cumpre os mínimos requisitos de calidade que deben ter este tipo de instalacións, a pesares de que se atopa situado nunha das principais referencias turísticas de Galicia. Ao longo da temporada estival do pasado ano, autorizáronse un total de 13.398 pernoctas.