ÿltimos trámites para a adxudicación das vacantes da Praza de Abastos
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a proposta da concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, para efectuar o último requirimento de documentación aos aspirantes a ocupar os postos vacantes na Praza de Abastos.
Os aspirantes que presentasen ofertas por varios postos contan cun prazo de dez días para que determinen a orde de preferencia na adxudicación. Ademais, os usuarios dos postos lindantes dispoñerán dun prazo dun mes para exercer o seu dereito de tenteo.
As ofertas abranguen un total de 68 postos e casetas. A cifra vai quedar reducida unha vez que se concreten as preferencias dos solicitantes. Ao tratarse dun procedemento de poxa, as adxudicacións realizaranse atendendo a mellor oferta económica. Os titulares que logren as novas concesións terán dereito de explotación por un período de 25 anos.
A Praza de Abastos de Pontevedra dispón dun total de 367 postos de venda, dos que actualmente están baleiros 99.