Máis preto a construción da estación depuradora de Buchabade en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas pode iniciar os trámites para realizar a acta de pago e ocupación da leira de mil metros cadrados na que está prevista a construción dunha pequena Estación depuradora de augas residuales (EDAR), que dará servizo ao saneamiento do núcleo rural de Buchabade.
A Xunta de Galicia deu o visto bo e este venres publicou no DOG a declaración de urxente ocupación necesaria para continuar o expediente expropiatorio de conformidade coa Lei de Expropiación Forzosa.
A obra da EDAR evitaría a existencia de vertidos ilegais na parroquia de Ponte Caldelas. Entre os anos 2008 e 2010, segundo informan desde o Concello, investíronse na construción da rede de alcantarillado de Buchabade uns 250.000 euros. Faltaba a construción da estación debido á falta de acordo coa propietaria dos terreos.
Segundo explican desde o concello, subscribiuse un acordo coa Comunidade de Montes de Buchabade para evitar agravios comparativos e, desta forma, se revertirá ás arcas municipais o custo da expropiación forzosa que se pague pola leira particular na que se instalará a depuradra.
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, espera poder finalizar o expediente expropiatorio canto antes co obxectivo de poder incluír esta obra no próximo plan de investimentos provincial, de maneira que poida contratarse antes de final de ano. O importe do proxecto ascende a 75.000 euros.