O 'alcalde' Louro recibe alumnos de institutos de Francia, Alemaña e Turquía
Por Redacción
Un grupo de 24 alumnos e oito profesores de institutos de Secundaria de Francia, Alemaña e Turquía estiveron este martes no Concello de Pontevedra no marco dun intercambio co IES A Xunqueira I.
A actividade está encadrada dentro do proxecto europeo Comenius e permitirá aos alumnos pontevedreses devolver visita ao longo dos próximos meses.
A comitiva foi recibida polo alcalde en funcións, Antón Louro, quen lles deu a benvida á cidade e fixo tamén referencia á "incardinación de Pontevedra tanto en Galicia, como en España e tamén en Europa", cunha referencia explícita ao próximo proceso electoral do 25 de maio.
Louro subliñou a importancia dos programas de intercambio e remontouse ao nacemento do Camiño de Santiago, que cualificou como o primeiro gran proxecto de multiculturalidade e encontro entre todos os pobos de Europa.
O programa europeo Comenius ten como principal obxectivo fomentar a mobilidade e a cooperación entre os centros educativos de toda Europa en Educación Infantil, Primaria e Secundaria. Pretende promover a multiculturalidade, difundir as mellores prácticas en materia de educación, novos métodos didácticos e desenvolver e difundir cursos de formación para o profesorado.