Tres sentenzas contrarias ao Concello superan a quinta parte do presuposto municipal
Por Redacción
As tres principais sentenzas xudiciais ditadas con resolución contraria ao Concello de Pontevedra nos últimos tempos suman indemnizacións que ascenden a 14 millóns de euros. Os datos relativos aos casos Véteris, Gafos e Sogama non son novos, pero si que se xuntaran as tres sentenzas pendentes do último recurso. Ante esta situación, o Partido Popular realiza unha comparativa co impacto que teñen as posibles indemnizacións nas contas municipais e chama a atención sobre unha conclusión: os 14 millóns superan a quinta parte do orzamento para este ano.
Os 'populares' critican que eses 14 millóns aos que podería ter que facer fronte o Concello de converterse en firmes pesan sobre a Administración local "como unha espada de Damocles". Os tribunais condenaron en primeira instancia a pagar 4,7 millóns de indemnización polo parking soterrado de Véteris, 4 millóns por non ter abonado parcialmente durante anos o canon de Sogama e 5,3 millóns pola usurpación dunha parcela anexa ao río dos Gafos. Para o PP, a suma das tres resolucións "ameazan con hipotecar durante anos as contas municipais".
A oposición incide en que a eses 14 millóns habería que sumar outra millonaria cantidade de intereses e sen que o Goberno local reservara ningunha partida económica nos últimos orzamentos de 2014 para facer fronte a estes hipotéticos abonos.
Ainda confían en que, nalgún destes procesos xudiciais, os servizos xurídicos municipais logren finalmente darlle a volta ao caso e eviten ou reduzan a cantidade de cartos a pagar, pero dende o PP, en todo caso, consideran que é unha "importante ameaza" para o Concello que é responsabilidade do xeito de facer política que atribúen ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "coa insubmisión ou o desprezo polas normas alleas como bandeira".
Ademais, recordan que o Concello aínda ten pendentes outras frontes xudiciais como as relativos á suspensión da concesión de licenzas sobre crematorios ou a outras obras públicas. "ÿ difícil atopar algunha actuación de envergadura impulsada por Fernández Lores nos últimos anos que non terminara en disputa xudicial", critican.
Relacionadas:
-
Non hai como ter unha parcela á beira do Gafos!
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O Concello "debe cero euros" aos propietarios do terreo 'usurpado' no Gafos
Por Natalia Puga |
-
Lores: "Os pontevedreses pagamos máis de 8 millóns de euros por sentenzas herdadas" de alcaldes do PP
Por Oskar Viéitez |
-
Unha modificación de crédito eleva o presuposto municipal ata os 70 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
O xuíz condena o Concello a pagar 5,3 millóns polo terreo do Gafos
Por Redacción |