O goberno local acusa os propietarios do terreo dos Gafos de "quererse lucrar" á súa costa
Por Diego Espiño
O auto xudicial que condena ao Concello de Pontevedra a pagar 5.294.847 euros aos propietarios do terreo usurpado na construción da senda fluvial do Gafos foi cualificado polo concelleiro de Patrimonio como "non insatisfactorio".
Vicente García Legísima valora o auto, que asegura aínda non lles foi entregado, como positivo porque "está próxima á valoración do Concello" de aproximadamente 1.800.000 euros e non aos 11.679.000 euros que demandaban os titulares da finca.
O concelleiro defendeu ademais que o problema se deriva da construción do paseo, cando o goberno municipal puxo un terreo en disposición de Augas de Galicia, encargada das obras, "e Augas de Galicia se extralimitou", asegura García Legísima, ao ocupar máis extensión do previsto inicialmente.
Nese momento os propietarios do terreo acudiron á vía xudicial, unha decisión que foi criticada polo representante do Concello, afirmando que "algo non funciona ben neste país cando estes propietarios no ano 2006 na aceptación da herdanza valoraron o terreo en algo máis de 73.000 euros e no 2007 noutra escritura en 84.000 euros", mentres agora solicitan unha cantidade que supera os 11 millóns de euros.
Aínda que o goberno local seguirá o que ditaminen os avogados municipais unha vez poidan estudar o auto, a intención segundo o concelleiro de Patrimonio "sería recurrilo" ao non estar conformes coa cantidade a pagar.