Marín volverá reforzar o seu equipo con 15 peóns e dous conserxes de maio a outubro
Por Redacción
O Concello de Marín manterá o seu equipo reforzado con 17 traballadores durante os próximos seis meses. Está a punto de cumprirse o medio ano de contratación de 17 persoas con cargo ao Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra e a alcaldesa, María Ramallo, anunciou este sábado que volverá facerse o mesmo número de contratos.
A reedición destas contratacións custa 70.000 euros financiados integramente pola Deputación e permiten que o Concello, de acordo coas bases aprobadas en anteriores convocatorias, conte con 15 peóns destinados a obras públicas diversas e dous conserxes para realizar labores de apoio en diferentes dependencias municipais.
Dende o Concello recordan que o persoal a contratar o envía directamente o Servizo Público de Emprego, constitúese un tribunal e selecciónase entre todos os candidatos. Os contratos terán unha duración de seis meses e traballarán a xornada reducida. Entre maio e outubro realizarán labores destinados aos servizos máis demandados na tempada estival.
Estas contratacións veranse ampliadas en virtude do acordo entre os distintos grupos municipais respecto do Plan de Emprego aprobado polo Pleno da Corporación. Ao longo do mes de abril intentarase ampliar a contratación para os meses de verán que posibilite levar a cabo máis actuacións de roza e limpeza de cunetas, camiños e as zonas máis transitadas do municipio.
Ao longo deste inverno no Concello ten contado con 17 traballadores distribuídos na Brigada de obras que acometeron traballos de reparación, limpeza e mellora en distintas zonas do municipio e apoiaron as tarefas de conserxe no Mercado, o colexio da Laxe e a Biblioteca Municipal.
Relacionadas:
-
Marín arranxará seis rúas do municipio cos 75.000 euros que recibirá da Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación ultima un novo plan para dotar de 800 operarios aos concellos da provincia
Por Redacción |
-
800 desempregados comezarán a traballar nos concellos da provincia no mes de decembro
Por Redacción |
-
O Concello de Marín oferta postos de traballo para albanel oficial, peóns de obras públicas e conserxes
Por Redacción |