ENCE confía en estar 'a tope' de produción a vindeira semana
Por Redacción
A parada técnica 2014 de Ence Pontevedra, xa en fase de finalización. O director do Centro de Operacións de Ence en Galicia, Antonio Casal, sinalou que "os avances en competitividade e sostibilidade ambiental" foron os dous eixos arredor dos que se estruturou esta parada.
Tal e como explica Antonio Casal "realizamos investimentos importantes para mellorar en eficiencia enerxética e consumo de materias primas. E tamén para reducir a visibilidade das nosas emisións de vapor e continuar mellorando a integración paisaxística da fábrica de Pontevedra. Ademais, continuamos avanzando na mellora da xestión do impacto oloroso. A redución supera o 95% dende 2010 pero continuamos traballando para eliminalo por completo".
Os máis de 3.000 motores do complexo industrial da ría de Pontevedra volven poñerse en movemento pouco a pouco. Nun comunicado emitido polo gabinete de comunicación de Ence, explican que o luns comezaron as probas na caldeira de recuperación, que xera enerxía coa lignina da madeira, e na caldeira de biomasa que tamén alberga a fábrica. O martes iniciábanse, tamén en probas, as primeiras coccións de madeira.
Antonio Casal explica que "ao longo de toda esta semana continuaremos arrancando a fábrica e confiamos en estar 'a tope' de produción a semana próxima".