A queima do galo Fodorico pecha o Entroido en Poio
Por Redacción
O Galo Fodorico mantívose con vida máis tempo que en calquera edición anterior do Entroido de Poio ata que na noite deste sábado 29 falecía con motivo dun exceso de gusto. Co seu enterro na Praza de Arís en San Xoán e a súa posterior queima conclúe o entroido no concello de Poio que se alongou durante un mes debido ás malas condicións meteorolóxicas que obrigaron a trasladar esta festa a finais do mes de marzo.
Non obstante, o cambio de datas non provocou unha diminución dos participantes. Cinco comparsas e decenas de veciños, moitos deles disfrazados, acudiron á celebración que contou coa intervención do Dúo Prisma e dun dj, ademais da degustación da 'orella, chourizo e costela', produtos típicos destas datas. O acto estivo organizado polo Concello de Poio en colaboración coa Asociación Cultural Ronsel e a Asociación Todos contra ou Lume de Arís. A celebración coincidiu tamén coa Festa do Choqueiro, que se desenvolveu na mesma praza de Arís.
Coa queima do Galo Fodorico finalizan tamén todos os actos do Entroido na bisbarra, que viñeron estendéndose ao longo de todo o mes de marzo.