Poio goza o seu Entroido
Por Redacción
O municipio de Poio celebrou este venres o desfile do Entroido que tivo que ser suspendido o pasado domingo a causa da chuvia.
A altas horas da madrugada seguía o baile na explanada da Seca onde os máis marchosos fixeron o fin de festa tras desfilar dende as sete da tarde dende a Praza da Granxa, en Campelo, pasando pola Rúa do Castelo, avenida de San Xoán, avenida da Seara, Cuarta Travesía, Seara e Camiño A Reiboa.
O Galo Fodorico vestido de pallaso non se quixo perder esta celebración, animado ao saber que vivirá máis días que o seu veciño o Galo Bruxo que será incinerado este sábado día 9.
Tamén o sábado se celebrará en Campelo o baile infantil de disfraces no local social desta parroquia nun acto organizado pola asociación de veciños.