'Cantos de taberna' ou como esquivar o fútbol nas tascas durante os vindeiros meses
Por Redacción
Regresan os tempos de cantar nas tabernas e con esa idea, Maravallada e o Concello de Pontevedra poñen en marcha a terceira edición de 'Cantos de taberna', que comezará o 28 de marzo coa intervención da agrupación Maravallada nas tabernas Reixas e Navarra. Esta actividade céntrase en intentar recuperar que as persoas que se encontran nos bares canten como se facía antes da entrada dos televisores nestes establecementos.
As seguintes sesións serán o 25 de abril no Leme e na Pasaxe coa participación de Maravallada e Airiños da Peneda. O venres 30 de maio, Lar e o Bodegón de Quique con Maravallada e Os novos diplomáticos. E antes das festas da Peregrina, o 27 de xuño, nos locais Brasilia e Rebusco intervirán Maravallada e Retesía.
O Concello quere estender esta actividade a outros puntos de Pontevedra e, desta forma, realizarase tamén no barrio de Pontevedra Leste.
As sesións estarán acompañdas de obradoiros de canto que se impartirán os días 5 e 12 de abril en horario de 10.00 a 12.00 horas e de 12.15 a 14.15 horas. Os obradoiros son gratuítos pero é necesario inscribirse a partir do luns 31 a través do teléfono 986.89.65.28 entre as 8:30 e as 14:30 horas. A concelleira Carme da Silva recomenda aos interesados que se apunten canto antes porque só se forman dous grupos de dez persoas.
Da Silva indicou que "o que pretendemos é que isto se recupere para que a xente que participe se anime a cantar nos bares sen necesidade de que haxa por detrás un proxecto concreto. A partir de esta iniciativa se canta máis nos bares. Agora cos partidos de fútbol hai que andar a esquivar pero teño que dicir que Maravallada xa lle gañou a un partido de Copa. A xente o pasa moi ben e nótase que se repite".