Erradican un punto negro de venda de drogas en Ponte Boleira
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra erradicou un punto negro de venda de drogas na zona de Ponte Boleira e Avenida de Vigo.
Os feitos remóntanse ao pasado 21 de febreiro, cando uns axentes de paisano observaron dous mozos falar entre eles a última hora da tarde para realizar o que parecía algún tipo de transacción, segundo relata a propia Policía Municipal.
Tras realizar un seguimento ao suposto comprador, os axentes decidiron abordalo e identificalo, momento no que se mostrou especialmente nervioso.
Nese momento incautáronselle 435 euros en billetes, explicando que estes estaban destinados a comprar as entradas dun partido de fútbol.
Ao ver que os axentes continuaban preguntando o individuo rematou por finxir un desmaio, momento no que se presentou no lugar o segundo mozo para interesarse polo seu estado.
Os policías procederon a identificalo e aínda que negou portar drogas, finalmente os axentes atopáronlle ata 15 landras de haxix que portaba ocultas na súa roupa interior e tamén nos petos.
Os dous mozos, de 20 e 21 anos, foron denunciados por tráfico de substancias estupefacientes.