O xurado declara culpable só dun homicidio o acusado do dobre crime das chinesas
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O xurado popular declarou a Zhang Hai Jie, único acusado do dobre crime das cidadás chinesas, culpable só dun dos homicidios e absolveuno do segundo. En concreto, determinan por unanimidade que matou a maior das vítimas e madama da casa de citas que tiñan ambas as dúas na rúa Amado Carballo, Guang Qu.
O veredicto deuse a coñecer este venres e nel o xurado considera probado que Zhang Hai Jie acudiu ao domicilio da rúa Amado Carballo o 26 de abril de 2009 nunha hora non determinada, pero que se sitúa entre as 9.30 e as 18.00 horas, "acompañado por otra persona no enjuiciada" neste xuízo (pero que todas as partes identifican como Wen Bin Sun).
Segundo o determinado por unanimidade polo xurado, "ambos" os dous "interviñeron na execución da morte por asfixia mecánica" e taponáronlle todos os orificios bucais e nasais. Esta "actuación conjunta del otro acusado y otra persona no enjuiciada disminuyó notablemente su capacidad de defensa" (de Guang Qu).
Sobre a base desta argumentación, consideran o acusado culpable de "dar intencionadamente muerte a Guag Qu" e absólveno do segundo homicidio do que lle acusaban o fiscal e a acusación particular, o de Zung Kun. Neste caso, a decisión non foi unánime, senón que sete dos nove membros do xurado consideran que "no ha quedado probado" que intervise na morte e dous que si.
O fiscal e a acusación sinalaron que, unha vez coñecido o veredicto, o acusado debería ser condenado por un homicidio coa circunstancia agravante de abuso de superioridade a 14 anos de prisión e ao pagamento de 120.000 euros en concepto de indemnización á familia de Guang Qu mentres que a defensa pide que se lle condene á pena mínima recollida no Código Penal para o citado delito.
A defensa de Zhang Hai Jie sinalou á saída da sala que esperará a que se dite sentenza, pero que case con total seguridade recorrerá a mesma. O avogado, Rafael Alonso Fernández, centrouse durante o xuizo en acusar a Wen Bin Sun como responsable das mortes malia recoñecer que ambos os dous varóns acudiron o 26 de abril de 2009 ao piso no que se perpetraron os dous homicidios. Este segundo individuo tamén sae como un dos responsables dos feitos nas investigacións policiais, pero non foi xulgado no xuízo que se seguiu toda a semana na Audiencia porque o goberno chinés negouse á súa extradición a España.
O fiscal: "el jurado es soberano en esta materia, es su criterio y nada puedo decir"
Ao repecto, durante o xuízo saíu á luz que o Goberno chinés solicitou á Xustiza española que lle enviara a causa para poder xulgar a Wen Bin Sun no seu país, pero España se negou. O fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, explicou que non o fixeron porque "nos asustó" porque alí existe pena de morte e este tipo de delitos adoitan rematar neste condena.
O veredicto do xurado é contrario á acusación inicial da Fiscalía, que consideraba o acusado responsable de dous delitos de homicidio. Malia esa discrepancia, tras coñecerse a decisión, o fiscal xefe valorou que "el jurado es soberano en esta materia, es su criterio y nada puedo decir". Aladro aclarou que "las decisiones de esta naturaleza no se discuten" e que "el veredicto no se recurre", senón que só se pode recorrer a sentenza que dite logo a presidenta do tribunal, Nélida Cid. Ata o momento, non tomou unha decisión ao respecto, senón que "sobre el objeto de veredicto y el resultado de la sentencia, veremos si recurrimos".
O avogado defensor manifestou o seu "descontento" porque se declarase ao acusado culpable da morte de Guang Qu e "contento" pola absolución en relación ao outro crime e anunciou que "casi seguro voy a apelar porque no estoy conforme".
O avogado defensor: "casi seguro voy a apelar porque no estoy conforme"
Mostra a súa conformidade coa inocencia sobre a morte de Zung Kun porque, como mantivo dende o principio na súa liña de defensa, hai tres mostras de ADN localizadas na cama que coinciden co rastro xenético extraido da corda coa que se estrangulou esta vítima e que "no es el ADN" do acusado. Sobre a morte de Guang Qu segue mantendo que Zhang Hai Jie non foi o autor porque"sigo manteniendo que hay una incompatibilidad horaria clarísima"e o seu defendido xa non estaba en Pontevedra cando esa morreu.
Ao respecto, durante o xuízo saíu a relucir que a investigación policial permitiu localizar na porta do dormitorio principal, onde apareceu Guang Qu, unha pegada dactilar que atribúen sen ningún xénero de dúbidas a Zhang Hai Jie. Ademais, estes axentes revelaron que tiveron dous españois como sospeitosos do crime, pero descartaron a ambos os dous e que foi o tráfico de chamadas telefónicas e o uso das tarxetas de crédito dunha das vítimas o que lles levou inicialmente ao acusado que se senta no banco e ao sospeitoso que non foi extraditado de China. Sobre esta pegada dactilar, o acusado recoñece que estivo na casa, de modo que podería ter deixado alí unha pegada.
Os forenses que realizaron a autopsia das dúas cidadás chinesas declararon que consideran que fixo falta máis dunha persoa para rematar coa vida de Guang Qu: "creemos que intervinieron por lo menos dos personas". No caso de Zung Kun, aseguran que "no tenemos ningún dato" para dicir se foron un ou dous atacantes os que acabaron coa súa vida.
Zhang Hai Jie dixo na súa alegación final o xoves ante o xurado que "si las hubiese matado, habría tirado el teléfono (...) me iría del país" e sinalou ao xurado que considera que "yo también soy una víctima". Ademais, defendeu que "solo vine a España a trabajar" e fíxoo durante "más de diez horas al día, siete días a la semana".
Relacionadas:
-
O TSXG conclúe que se vulnerou o principio de presunción de inocencia do axuízado polo crime das chinesas
Por Natalia Puga |
-
A defensa pide a absolución do único condenado polo crime das chinesas
Por Redacción |
-
O TSXG suspende a revisión da sentenza do crime das chinesas e envíaa de novo á Audiencia
Por Redacción |
-
O TSXG aborda o recurso da defensa do condenado polo crime das chinesas
Por Oskar Viéitez |
-
O crime das chinesas de Amado Carballo ten sentenza: 14 anos de prisión para o único procesado
Por Natalia Puga |
-
O acusado do crime das chinesas fai o seu alegato: "Si las hubiese matado, me iría del país"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A Policía sobre o crime das chinesas: "es imposible que una persona sin complicidad pueda hacer este trabajo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O único acusado polo crime das chinesas de Amado Carballo: "Yo no matar a nadie"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |