Vilagarcía terá oito dos doce socorristas solicitados e priorizará as praias con bandeira azul
Por Oskar Viéitez
O vindeiro luns, 1 de xullo, comezará a funcionar o servizo de socorrismo nas praias do Concello de Vilagarcía, que este ano limitarase ás que están distinguidas con bandeira azul, é dicir, A Compostela e Campanario-Bamio.
Decidiuno así o goberno local do alcalde Alberto Varela porque dos doce socorristas previstos inicialmente, cos que se podería atender tamén á praia do Preguntoiro, en Vilaxoán, ao final o concello só disporá de oito.
Na primeira convocatoria lográrase contratar sete e na segunda, dous, pero un deles presentou a súa renuncia.
Ante este cúmulo de circunstancias, o goberno local, "á vista da normativa das bandeiras e de acordo cos técnicos de Protección Civil", decidiu priorizar A Compostela e Bamio. Á primeira se adscribiron 5 socorristas, de xeito que atenderán o servizo en quendas de 3 ou 4, segundo os momentos de maior afluencia e buscando a maior eficiencia na distribución dos escasos recursos dos que se dispón. A Bamio, pola súa banda, se destinan os tres técnicos restantes, que traballarán en quendas de dous.
As oito horas diarias de atención ao público estarán en vigor dende o vindeiro luns, 1 de xullo, ata o 15 de setembro, incluídos sábados, domingos e festivos.
CRÍTICAS DO PP
O grupo municipal do Partido Popular cualificou de "pésima" a xestión do goberno municipal pola falta de socorristas.
A formación popular sinala á "mala xestión do goberno de Varela" como o "único motivo para que non se poidan completar as 12 prazas de socorristas do concello".
Para o Partido Popular "culpar á falta de profesionais é unha escusa do Partido Socialista" xa que, segundo apuntan "Sanxenxo contratou a 83 e a Mancomunidade do Val Miñor a 36".
Desde o PP vilagarcián sinalan que "todo indica que a falta de socorristas afectará principalmente á praia do Preguntoiro por culpa da perda da bandeira azul". Unha situación que para o PP "é un novo desprezo do goberno de Varela ao areal vilaxoanés".